Feuga pon en marcha con Aenor actividades de formación para empresarios galegos

A Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), en colaboración coa Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor), vén de ampliar as accións da súa área de formación para favorecer nas pequenas e medianas empresas galegas o pulo de tecnoloxías propias e o desenvolvemento de patentes. Neste senso, o principal obxectivo da fundación consiste en permitir a xestión e a identificación de actividades innovadoras “susceptibles de converterse en factor diferencial” para a mellora da competitividade empresarial das empresas galegas.

A iniciativa abrangue o desenvolvemento inicial de catro cursos en torno á rendibilidade da I+d+i para as empresas galegas, coa intención de que os participantes poidan obter os coñecementos precisos para optimizar os procesos de investigación e innovación, adquirir as habilidades necesarias para levar a cabo a auditoría dun sistema de I+D+i, maximizar a obtención de beneficios fiscais e tirar proveito dos beneficios da vixilancia tecnolóxica a través da posta en valor da información obtida.

Os vindeiros días 11, 12 e 13 de marzo está previsto que dea comezo o primeiro dos cursos do programa de Formación Profesional e Empresarial de Feuga e Aenor Formación, destinado a consultores, persoal docente e investigador, profesionais, directivos e empresarios.

Os interesados en asistir ao curso Como implantar un sistema de xestión de I+D+i na empresa. Norma UNE 16.6002:2006 poden inscribirse na páxina web da fundación antes do 5 de marzo ou a través do teléfono 981 534 180. O número de prazas está limitado.

0 comentarios: