Helena Veiguela dá conta do desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza


A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, participou este martes no III Foro de Modernización TIC, que se desenvolve no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. A conferencia da directora xeral tratou sobre o alcance económico e social do desenvolvemento da Sociedade da Información en Galiza.

O foro, organizado por ComputerWorld, estivo dedicado ao escenario que xorde como consecuencia da Lei de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, que marca o 2012 como o límite para a implantación da Administración electrónica. Na xornada debátense as medidas informáticas, tecnolóxicas, organizativas e de seguridade necesarias para garantir un nivel de interoperabilidade entre os organismos públicos e os cidadáns. Durante o foro entregáronse os Premios ComputerWorld á Modernización TIC. O Servizo Galego de Saúde recibiu o galardón ao Impacto no Cidadán, mentres que a Xunta de Galicia obtivo o de Innovación na Administración.

Na súa intervención, Helena Veiguela fixo un repaso á situación da Sociedade da Información en Europa, onde enmarcou a mudanza da posición relativa da economía galega no contexto internacional. E, dentro da economía do país, a directora xeral destacou o peso que está a gañar o sector TIC, en constante crecemento grazas á dinámica creada polo Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). A súa conferencia rematou cunha análise do xénero e da función no sector TIC e cunha caracterización das políticas da Dirección Xeral.

0 comentarios: