MSN abre un apartado para amosar o antes e o despois dos famosos


O transcorrer dos anos pode converter aos nosos ídolos da nenez en verdadeiros cisnes de conto de fadas ou, pola contra, en parrulos feos que de boas a primeiras deixan de interpretar os papeis de encantadores adolescentes aos que nos tiñan afeitos e pasan a frecuentar saraos de famosiños caídos no esquezo.

Se ben é certo que o tempo non pasa de balde para ningún de nós nin dos nosos amigos e familiares, tamén é verdade que tratándose de estrelas do cinema e a TV centrámonos moito máis nos inevitables cambios e esixímoslles que tomen o elixir da eterna xuventude para manternos abraiados fronte ás nosas pantallas.

A web de lecer MSN, ó tanto deste fenómeno, vén de publicar unha reportaxe do “antes e o despois” dos famosos de Hollywood (por aquilo de que non está Joselito entre os nomeados) e nela, algúns saen moi ben parados coa transformación sufrida co paso dos anos (como é o caso de Lindsay Lohan, Cristina Aguilera, Eliza Dhusku, Faith en Buffy Cazavampiros), Jenna Von Oy (Six, a amiga inseparable de Blossom na serie do mesmo nome), Katherine Heigl (protagonista de Anatomía de Grey), Keisha Knight Pullam (a adorable Rudhy do Show de Bill Cosby) e un longo etcétera de personaxes coñecidos que foron atopando o seu oco tanto na pequena como na gran pantalla adaptándose aos papeis de adultos que lles ían aparecendo.

Outros famosos que non tiveron tanta sorte e que aparecen nesta listaxe son:
Paris Hilton, que máis que en parrulo vense de converter nunha apisoadora rebenta reputacións (e locais de copas), Britney Spears (amiga da anterior) que co paso dos anos está entrando nunha decadencia tanto física como mental, lonxe de imaxinar cando só era unha nena e presentaba o Club Disney americano, Mayim Balik (protagonista de Blossom) que, segundo os autores da reportaxe, “aínda que nunca foi moi agraciada o paso do tempo, fixo estragos nela”, Edward Furlong (o fillo de Sarah Connor en Terminator 2) que prometía moito pero que, por non estar á altura das circunstancias, agora malvive con películas de videoclub, Haley Joel Osment (o neno de O sexto sentido) que non volveu ser reclamado por ningún director... e unha morea de exemplos de nenos prodixio que non puideron adaptarse ás esixencias do cine holliwoodiense (tan cheo de luxo, beleza e glamour) e que agora se dedican a outros quefaceres (no caso da Spears, andar prea, drogarse e vivir á conta das exclusivas).

0 comentarios: