O Centro Social de Boiro acolle o 29 de febreiro unha Queimada Dixital

A ensinanza sobre calquera materia nova é máis fonda e ampla se acompañamos os contidos sobre esa materia con algo concreto e recoñecido. Isto é aplicable a todo o innovador, e tamén a algo que para unha boa parte da sociedade galega é tan estraño coma un extraterrestre: a Rede. Pois ben, dende a Rede Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI e dende os concellos e entidades que participan nela estase a experimentar neste vieiro, achegando propostas lúdico-formativas que actúen de gancho coa veciñanza, como por exemplo a Queimada Dixital, organizada polo Centro Social de Boiro en colaboración coa dita Rede para o 29 de febreiro, das 18.00 ás 21.00 horas.

O obxectivo desta actividade, sinala o dito Centro, é “dar un novo paso a prol do afianzamento das novas tecnoloxías a nivel comarcal, posto que no Barbanza até o de agora non se levou a cabo ningunha outra iniciativa semellante”.

A Queimada Dixital consiste en unir dous mundos, o galego e o da era da información. Ou mellor dito aínda: en amosar que estes dous mundos poden ir xuntos e tirando partindo un do outro. O caso é que do que se trata é de facer unha festa do dixital dándolle feitura de reunión á galega e xirando todo arredor da música. Segundo informa o Centro Social haberá “cancións legais de balde” e facilitaranse recursos para a súa descarga na Rede. A iniciativa desenvolverase no primeiro andar do dito edificio, onde haberá habilitados 10 equipos informáticos con conexión de banda ampla. O Centro agasallará ós participantes cun CD para que poidan gravar a música descargada e levala consigo. O programa empregado para a gravación de música será de licenza libre.

0 comentarios: