O Mobile World Congress decepcionou pese ó éxito de asistencia

O iPhone se puido ver no MWC, aínda que non se anunciou o seu lanzamento para EspañaTodo apuntaba a que o Mobile World Congress convertería a Barcelona no centro do mundo da telefonía móbil durante esta semana, con grandes presentación e novidades, pero a feira decepcionou por distintos motivos como son os abusos dos hostaleiros cataláns (que cobraron cantidades astronómicas polas estadías nestes días) así como polas grandes ausencias.

O sector tecnolóxico agardaba que esta semana fose cando se anunciase o lanzamento do iPhone para España e América Latina, así como a presentación pública de teléfonos funcionando coa plataforma móbil Android, pero nin Apple nin Google fixeron acto de presenza na feira.

Se ben, varios fabricantes achegaron prototipos de móbiles cunha versión de desenvolvemento de Android, só se puido botar unha lixeira ollada ás posibilidades dunha plataforma móbil que pode dar moitos que falar se realmente conta con apoio masivo dos fabricantes (o que non ten garantido, xa que moitas das empresas asociadas ó proxecto tamén traballan con Windows Mobile, Symbian e outros sistemas operativos propietarios). E no tocante o iPhone, estaba presente o móbil de Apple, pero era no expositor da británica O2 (filial de Telefónica), ou sexa, que tódolos rumores que apuntaban para o anuncio da versión do iPhone con conectividade 3G e dos novos plans de lanzamento do móbil de Apple quedaron en nada.

Iso si, a sombra do iPhone é moi alongada, e non faltaron terminais móbiles de case tódolos fabricantes que contaban con pantalla táctil, o que foi a tendencia máis marcada (especialmente polas pegadas nas pantallas dos móbiles) nesta edición do Mobile World Congress, que bateu record de asistencia.

Finalmente parece que o evento serviu basicamente para amosar en vivo os últimos terminais que chegarán nos vindeiros meses ó mercado, e para que os distintos medios de comunicación poidan tomar imaxes para ilustrar tales lanzamentos no futuro.

0 comentarios: