A plataforma mancomun.org pechará fileiras a prol do software libre en XGN


O software libre acáelle ás reunións de multitudes informatizadas coma unha luva. Case se podería dicir o software libre é, de feito, a consecuencia directa de multitudes en liña, colaborando e botándose unha man por un ben común máis ou menos definido. De igual xeito có ano pasado, a vindeira edición de Xuventude Galiza Net (da que falamos polo miúdo nesta mesma web con motivo da súa presentación oficial), vai centrar unha parte do seu programa en subliñar con trazo groso as vantaxes dos recursos de código aberto.

Para isto, contará coa axuda da plataforma mancomun.org (sostida por Innovación e por usuarios e deseñadores galegos de software libre), quen se encargará da coordinar e máis organizar as actividades ligadas ós programas open source que se leven a cabo.

Asemade, e para que o virtual estea ben ancorado no real, complementándose, a plataforma contará cun stand na extranet do evento, ó que están convidadas todas as Asociacións de Usuarios de Linux en Galiza. Dende este posto de mando, informan os responsables da organización, procederase a difundir todo aquilo que, chegado a ese punto decisivo na vida de todo usuario en que se ve a si mesmo cunha man termando de software pechado e co outra de software libre, inclinaría finalmente a balanza a favor disto último.

Os argumentos obterán apoio de actividades como relatorios de divulgación, entrega de software gratuíto, obradoiros ou concursos. Por certo que tamén ten confirmada a súa asistencia na listaxe de intervencións a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, Agasol. Cómpre estar ó tanto estes días do programa, posto que se agardan máis novidades neste senso. Por último, sinalar que mancomun.org tamén fará entrega entre os participantes dunha memoria USB que, entre outras cousas, inclúe a versión na nosa lingua do sistema operativo Linux.

0 comentarios: