Ponte nas ondas! convoca na Rede un certame audiovisual para directores galegos e portugueses


Hai pontes e pontes, e as da información –malia seren virtuais- poden achegar mundos de xeito tan eficaz coma os de formigón, ferros e cemento. Algo disto -de tirar abaixo fronteiras- hai nas iniciativas en liña dos colectivos galego-portugueses Ponte... nas ondas! e Morraceira, que veñen de convocar o Certame Audiovisual Conta Onde Vives, encamiñado a contribuír á defensa e posta en valor da nosa cultura e historia en común. As ferramentas elixidas para este achegamento non son outras que as vinculadas á Sociedade do Coñecemento.

A idea é animar ós cidadáns de ambas beiras da liña fronteiriza a facer unha gravación en vídeo do lugar onde viven, “unha reportaxe, unha crónica, unha denuncia ou unha exaltación das excelencias que poida ser interesante para ser contada, de maneira orixinal, ó resto do mundo”.

Os traballos, que poderán ser individuais ou colectivos e que deberán ter unha duración máxima de cinco minutos, subiranse unha vez presentados ó servizo YouTube, dende onde poderán ser vistos pola comunidade internauta. Neste senso, o requisito que se pide é enviar a peza á conta de correo pontenasondas@pontenasondas.org ou tamén ós enderezos físicos seguintes: A Morraceira - Lugar de Segerem 4920-070 Loivo - Vilanova de Cerveira (Portugal) ou a Oficina Xuvenil Transfronteiriza - Rúa Sanz 28 - 36700 Tui (Galiza).

Haberá dúas modalidades: sección colectiva e individual. Cada unha delas inclúe tres premios. O primeiro, na categoría de obras colectivas, consistirá na realización dunha curtametraxe. Na modalidade de individuais, o primeiro premio será unha cámara de vídeo dixital. O prazo para presentar as pezas remata o 17 de maio. Os traballos recoñecidos no palmarés serán proxectados no Festival de Cinema Galego e Portugués Filminho, que se celebrará entre o 22 e o 27 de xullo e que substituirá ó que fora a Mostra Curtas Minhotas

0 comentarios: