Publícanse as bases das axudas de Industria para a implantación das TIC nas tendas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) fai públicas hoxe as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para a adecuación dos estabelecementos comerciais ao seu entorno competitivo, coa implantación de sistemas de comercio electrónico, páxinas web e equipos informáticos, entre outras medidas. A contía total que destina a Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Comercio, para estas actuacións é de 1.500.000 euros.

Serán subvencionábeis as actuacións que sirvan para a dotación de equipos para o proceso de información destinados a aplicacións de contabilidade, facturación, almacén e automatización das vendas; aplicacións informáticas de carácter xenérico ou standard destinas aos fins sinalados anteriormente; deseño e implantación de sistemas de comercio electrónico; páxinas web promocionais do establecemento comerciais; equipos portátiles como ordenadores portátiles ou axendas electrónicas; caixas rexistradoras; terminais punto de venta; lectores ópticos de códigos de barras; sistemas de medición e pesaxe de mercadorías; sistemas de etiquetaxe; sistemas de alarma, sistemas anti-furto e portas de seguridade; fotocopiadoras e aparatos de teléfono e fax e equipos para o tratamento de temperatura dos produtos para a exposición e venta ao público exclusivamente.

O investimento máximo subvencionábel será de 12.000 euros, salvo no caso do deseño de sistemas de venda non presenciais e páxinas web, nos cales o investimentos máximo a subvencionar sería de 3.000 euros. Dentro destes parámetros, a axuda da Consellaría chegará ata o 50% do investimento que se pode subvencionar. Esta proporción poderá acadar o 60% se o demandante da axuda se incorpora a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman tarefas de medios de pago, plans de fidelización, acceso a internet, entre outras.

Os beneficiarios deberán realizar a súa actividade comercial en Galiza, non superar os 10 traballadores e que os seus locais comerciais non excedan dos 300m2 de superficie comercial destinada a exposición e venta ao público.

0 comentarios: