Un simulador para comprobar o efecto do aumento do nivel do mar

Comprobar como afectará o aumento do nivel do mar a Galicia é posible a través dun simulador que desde hoxe ofrece Voz Natura. Trátase dun mapa virtual en tres dimensións no que viaxar a través do tempo e observar como cambia a fisionomía da costa. Navega pola Galicia do futuro e conciénciate sobre a necesidade de frear o quecemento global do planeta. Voz Natura centrarase con este tema o próximo curso.

A simulación está realizada considerando un incremento do nivel do mar de 0,3 centímetros ao ano, unha cifra que supón a media de subida nas costas galegas nos últimos dez mil anos. Con todo, esta situación podería acelerarse a raíz do quecemento global do planeta, tal e como explica o asesor científico de Voz Natura para este proxecto, Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña.

Datos reveladores
Con esta iniciativa, Voz Natura pretende chamar a atención sobre a necesidade de axuntar esforzos para loitar contra o cambio climático e retardar así os procesos de aumento do nivel do mar, entre outros. «Este mapa virtual alerta á poboación galega sobre o que significa a subida do nivel do mar. Pode facer que a xente se de conta
de cales son os puntos fracos da costa agora e de cales son as zonas que sufrirán primeiro. Ademais, darémonos conta da cantidade de construcións ou lugares que visitamos agora e que poderían desaparecer», asegura Vidal Romaní.

Navegar a través da Galicia do futuro é moi sinxelo. Basta con ter instalada no ordenador a última versión de Google Earth. Os usuarios que non dispoñan deste programa, poderán descargarllo gratuitamente na propia web de Voz Natura. Unha vez aterrres sobre o mapa, unha figura informativa ofrece unha breve guía para orientar a navegación.

Próximo curso
Os centros educativos participantes en Voz Natura levan xa varios cursos desenvolvendo accións para combater o cambio climático. Con todo, a próxima edición do programa (2008-2009) estará especialmente dedicada a este tema. Así, co lanzamento deste simulador virtual Voz Natura abre unha liña que marcará o desenvolvemento do programa ao longo da súa duodécima edición.

Colexios, institutos, asociacións ambientais e escolas taller poderán presentar a súa proposta de actuación ao longo dos meses de febreiro e marzo do próximo ano. Os centros educativos recibirán as bases do programa e o formulario de inscrición a partir do próximo mes de febreiro. Nesta data, a documentación tamén estará dispoñible nesta web e, como novidade, a inscrición poderá realizarse tamén a través dun formulario on line.

0 comentarios: