Comeza a novena edición do encontro Xuventude Galiza Net



Tras a apertura de portas e a identificación dos participantes ás dez e media da mañá, case todos os 1.500 internautas que participan na novena edición do Xuventude Galiza Net están xa conectados. Foi suficiente pouco máis de media hora para que todos os mozos e mozas ocuparan os postos nos que permanecerán durante as vindeiras 52 horas no Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza, en Santiago de Compostela.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, deu hoxe a saída a este encontro informático consolidado xa como un dos máis importantes a nivel estatal. Quintana destacou o Xuventude Galiza Net como foro que busca facer partícipe á mocidade dos avances tecnolóxicos, de xeito que poidan afondar nos seus coñecementos e desenvolver a súa creatividade no campo da programación, o deseño gráfico ou os contidos multimedia. Pero máis alá deste primeiro papel, salientou que o encontro «busca tamén humanizar as novas tecnoloxías», abríndoas a novos usuarios como os maiores e as persoas con discapacidade. Neste senso, apostou por «poñer as novas tecnoloxías ao servizo das persoas e do benestar, como mecanismo favorecedor da igualdade de oportunidades e de loita contra a exclusión».

Como novidade, Xuventude Galiza Net 2008 incorpora este ano á intranet a 26 mozos con algún tipo de discapacidade procedentes de Lugo e de Mos, a través da colaboración coa Confederación Galega de Minusválidos (Cogami) . Trátase de mellorar a súa integración e interacción cos demais participantes, fomentando o uso das novas tecnoloxías neste colectivo.

Para rachar coa fenda dixital, existe ademais un espazo dedicado especialmente ás persoas maiores, que poderán acceder ao mundo da informática a través de actividades específicas deseñadas para eles. Cen maiores procedentes de centros dependentes da Vicepresidencia, que durante o ano participan nas Ciberaulas, estarán conectados a internet entre as 12,00 e as 18,00 horas do sábado e do domingo. O obxectivo é promover un intercambio interxeracional entre os mozos e os maiores, facendo das novas tecnoloxías un nexo de unión e non unha barreira de separación.

0 comentarios: