A Consellería de Traballo edita dous manuais sobre novas tecnoloxías e busca de emprego

Estas publicacións están dispoñibles para a súa consulta en todas as oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego

A Consellería de Traballo vén de publicar dous manuais sobre busca de emprego e novas tecnoloxías e traballo, coa finalidade de presentar unha guía de axuda para todas aquelas persoas que desexen mellorar os seus recursos e acadar un emprego. Outro dos obxectivos é dar a coñecer as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e a súa relación co mundo laboral ás persoas que se atopan en situación de desemprego.

Estas dúas publicacións elaboradas pola Consellería de Traballo, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, están dispoñibles para a súa consulta na rede de oficinas do Servizo Público de Emprego.

De maneira inicial, o departamento que dirixe Ricardo Varela decidiu distribuír unha tirada de 2.000 exemplares por cada título. Cómpre sinalar que nos libros ofrécese unha referencia e relación de enderezos de interese para o cidadán, como o enderezo das administracións públicas, oficinas de emprego, centros de información xuvenil, cámaras de comercio, organizacións empresariais e enderezos de portais de internet.

Como atopar emprego
O libro Como atopar emprego é unha publicación-guía para todas as persoas que están inmersas no mundo laboral, pero que queren mellorar os seus recursos ou cambiar de actividade profesional e para aquelas que desexen ingresar no mercado de traballo, xa sexan estudantes que buscan traballo por primeira vez ou desempregados. De feito, para a súa elaboración pensouse nos diferentes pasos que un persoa pode dar para acadar o seu obxectivo: a inserción no mercado de traballo.

Nesta publicación resáltase a importancia da actitude persoal e do coñecemento, tanto da persoa coma do mercado laboral, á hora de afrontar un proceso de busca de emprego. Ao longo de 100 páxinas explícanse os pasos que se deben seguir para unha óptima busca de emprego ou para a redacción e presentación do currículo. Tamén se fai unha descrición das entrevistas ás que hai que enfrontarse nos procesos de selección de persoal, dos test de personalidade e da importancia da linguaxe corporal nas entrevistas.

Tal e como se recolle na publicación, hai que ter en conta que o mercado de traballo está sometido a continuos cambios, como o incremento da poboación activa, a aparición de avances tecnolóxicos que crearon novas profesións e novas formas de organizar o traballo. Por último, fai fincapé en que a internacionalización dos mercados, supón unha economía máis aberta, con maior movemento de traballadores e de capital.

Novas tecnoloxías e emprego
O obxectivo desta publicación é informar ás persoas que se atopan en situación de busca de emprego sobre que son as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), a súa relación co mundo laboral, que profesións as empregan en maior ou menor medida e que traballos dependen totalmente destas. Ao longo das súa páxinas tamén se aborda a relación que teñen as TIC coa sociedade. De feito, un dos temas nos que se afonda é o teletraballo, como exemplo e fenómeno da capacidade das TIC de crear emprego e de facilitar a introdución no mercado de traballo.

Tamén destaca un capítulo dedicado a enumerar as profesións enmarcadas dentro das TIC. Neste apartado, ademais de describilas, ofrécese información sobre os cursos e rutas de acceso para conseguir un emprego nesas profesións.

A modo de exemplo, un especialista en microelectrónica é un profesional da electrónica, que debe ter unha visión bastante completa dos circuítos básicos, a partir dos cales se fabrican todos os aparatos electrónicos, como radios, televisores ou amplificadores. Os eidos da rama de electrónica nos que pode atopar traballo son: a radio, a televisión, a alta fidelidade, a electrónica do automóbil ou os microprocesadores.

Por outro lado, os deseñadores de portais na internet teñen como misión optimizar enlaces e o rendemento das páxinas web. A súa formación debe basearse nos coñecementos de html, programas de deseño web e marketing. Outras das profesións que xeraron as novas tecnoloxías foi a de formador en liña. Esta ocupación ofrece servizos a clientes e difunde coñecementos a través da rede.

Por último, outra nova ocupación derivada da introdución das novas tecnoloxías é a de websurfer. Trátase dunha persoa encargada de rastrexar a rede na busca de contidos para a súa posterior clasificación. Tamén recolecta enderezos en índices temáticos.

0 comentarios: