A CRTVG renova a súa web na procura da opinión directa dos internautas


A Compañía de Radio Televisión de Galicia está a dar pasos cara a adaptación plena da súa web ós novos tempos da Internet, e cando falamos de “novos tempos” falamos principalmente do seguinte: agora, xa non vale con habilitar un espazo en liña e informar das túas actividades e obxectivos de xeito unilateral e a través dun único sentido, o de ti para os demais. Hoxe, por riba de todo o demais, o que importa é acadar participación activa e diálogo.

O caso é que a CRTVG vén de anunciar novidades neste senso para o seu espazo en liña, que inclúe na feitura un redeseño e no fondo unha serie de servizos destinados á comunidade internauta, como por exemplo foros (cos que a Compañía quere afondar, precisamente, na interacción co cidadán, mesmo dándolle a opción de opinar sobre a grella da cadea ou suxerir trocos).

En termos da CRTVG, do que se trata, en definitiva, é de “reforzar as ligazóns entre a nosa sociedade e os seus medios públicos de comunicación que son a TVG e a Radio Galega”.

Para ir dándolle corpo a esta nova liña, a Compañía xa lanzou unha serie de propostas: debater sobre estreas recentes como Buscando estrelas ou Padre Casares ou sobre a nova programación e contidos musicais da Radio Galega.

0 comentarios: