Narratopedia: novo obradoiro literario na Rede con feitura de rede social

A idea do obradoiro literario na Rede non é nova: hai unha chea deles en activo, e van dende a sinxeleza dun foro ou un blog até propostas máis elaboradas como por exemplo as que ten achegado Escueladeescritores.com. A novidade, polo tanto, tería que vir da man dos engadidos e das ligazóns con outras iniciativas web. Nesta liña de mestura de ideas e formatos é onde se inscribe a Narratopedia, un proxecto que segundo Efe nos medios ten “corpo de wiki, face de blog e alma de Second Life”. Porén, a proposta, que inclúe como ingrediente final (ese que lle dá consistencia ó prato) a seria vontade de facer rede social, está a piques de arrancar cun mal paso que agardamos que se corrixa ó coller un algo de pulo: vai encamiñado só a escritores en liña castelán falantes.

Con todo, ten unha serie de detalles ó seu favor: poderanse empregar todo tipo de soportes (vídeos, sons, fotos ou deseños) e os propios internautas seremos os encargados de editar e cualificar logo os textos. Isto último, que bebe das fontes da Rede participativa na que estamos metidos, vai dirixido a tirarlle partido no literario a unión libre de talentos. Dito doutro xeito: ninguén que o mereza ficará sen unha mala crítica e, no caso do traballo de tipo colectivo, é probable que a onde non chegue o cerebro dalgúns dos participantes cheguen o dos demais, e viceversa. A proposta vén da man do mestre colombiano de literatura Jaime Alejandro Rodríguez, quen xa ten unha experiencia nisto de facer relatos para canles dixitais. Ó seu xuízo, o obradoiro estará listo para entrar en funcionamento nas vindeiras semanas, aínda que en fase de probas.

0 comentarios: