As axudas convocadas por Innovación e Industria poderanse tramitar integramente por internet


A Consellaría de Innovación e Industria pon ao dispor da cidadanía e das empresas do país novos servizos de tramitación telemática. O conselleiro, Fernando Blanco, presentou hoxe estes novos servizos, que introducen a posibilidade de cursar todas as tramitacións de subvención das novas convocatorias da Consellaría a través de internet e amplían as funcións electrónicas do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta, rexistro que depende de Innovación e Industria. Deste xeito, o departamento sitúase á cabeza na implantación da administración electrónica neste tipo de prestacións.

O conselleiro explicou que a partir de hoxe funciona o sistema telemático para a totalidade das novas ordes de axuda que convoque a Consellaría de Innovación e Industria. Os cidadáns e cidadás e as empresas que opten a estas axudas poden xa cursar as súas solicitudes sen desprazarse do seu domicilio. Até o momento unicamente era posíbel realizar parte desta tramitación telemática (a solicitude da axuda) nalgunhas das ordes convocadas por dúas das direccións xerais da Consellaría, a de I+D+i e a de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

Por outra parte, segundo informou Fernando Blanco, 3.000 empresas inscritas no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta poden tamén a partir de hoxe obter notificacións telemáticas con plena validez xurídica, recibindo estas notificacións por internet de xeito gratuíto en lugar de en soporte papel. Asemade, as empresas tamén poderán enviar ao devandito Rexistro de Contratistas os documentos requiridos anualmente para renovar a súa inscrición.

Innovación e Industria investiu 160.000 euros na posta en marcha destas medidas, que poden supoñer o aforro de deixar de imprimir 5.000 notificacións cada ano, contribuíndo a unha mellor economía na xestión dos recursos públicos. O novo servizo vai na liña de cumprimento do PEGSI e mais da Lei para o Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos (LAECSP), publicada no BOE do 23 de xuño de 2007.

0 comentarios: