A FECYT acolle a 1.600 nenos galegos nos seus obradoiros de robótica


A Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) vén de por en marcha o obradoiro divulgativo Descubre a Robótica, que se levará a cabo en 9 comunidades autónomas e máis de 150 centros educativos de primaria de toda España, co obxectivo de espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía dos seus alumnos, a través dun programa no que eles mesmos constrúen, preparan e poñen en marcha robots.
Descubre a Robótica, que se desenvolve no programa Ciencia nos Centros, baséase nunha metodoloxía avalada pola experiencia positiva da súa posta en marcha en numerosos países e, aquí en España, estará a disposición de máis de 15.000 alumnos de Educación Primaria.

O obradoiro, que se leva a cabo nos mesmos colexios sen necesidade de desprazar aos alumnos, ten unha duración de 1 hora e inclúe portátiles, robots de última xeración con tecnoloxía bluetooth, campo de xogo e dous monitores especialmente formados para desenvolver as actividades prácticas no centro de ensino dos alumnos.

En total, ata o vindeiro 15 de xuño, data na que remata o proxecto, levaranse a cabo máis de 600 obradoiros en todo o país que tentarán que os escolares se acheguen á ciencia dun xeito máis atractivo que o tradicional.

En Galicia, a experiencia desenvolverase entre o 21 de abril e o 23 de maio e participarán nela máis de 1600 nenos de Primaria das localidades de Santiago de Compostela, Ourense e Vigo.

Esta nova proposta do FECYT enmárcase na liña de divulgación do coñecemento en materia de ciencia e tecnoloxía, coa fin de “contribuír á cultura científica e tecnolóxica entre os máis pequenos”.

O proxecto compleméntase co portal de recursos Descubrelarobotica.es que contén ferramentas para poder traballar na aula antes e despois da realización do obradoiro, aspectos relacionados coa robótica, imaxes, fotografías tomadas nas clases prácticas e información detallada do proxecto.

0 comentarios: