Innovación e Industria pon en marcha dous portais para pemes

A Consellaría de Innovación e Industria amplía a oferta de servizos dixitais coa posta en marcha do portal GaliciaPMS, un espazo destinado especificamente a dotar de ferramentas de información e servizos TIC ás pequenas e medianas empresas galegas. O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, presentou esta mañá o novo portal, que nace dentro do espazo GaliciaXa, no que se agrupan de todas as iniciativas on-line que a Consellaría pon a disposición do tecido empresarial, e ao que se seguirán engadindo portais de referencia nesta materia.

Segundo explicou o conselleiro, GaliciaPMS ponse en funcionamento co fin de contribuír ao desenvolvemento de negocio das PEMES e á posta a disposición destas de servizos de información e comunicación que as fagan máis competitivas a nivel internacional. O rexistro gratuíto en GaliciaPMS oferta ao usuario ou empresa a posibilidade de acceder a un amplo abano de servizos.

Punto de encontro empresarial
O portal dispón dun espazo virtual para o encontro das pequenas e medianas empresas, denominado "Enterpemes", que ofrece servizos de videoconferencias, chats e foros, integrando todas as ferramentas de contacto entre empresas. Outra das seccións da web GaliciaPMS, "Oportunidades de negocio", oferta servizos de taboleiro virtual de anuncios, directorio e buscador de PEMES con datos e contacto de máis de 70.000 pequenas empresas galegas, con localización a través de Google Maps, e información específica de provedores TIC galegos, tanto de equipos coma de programas informáticos e tecnolóxicos.

Información e software
Un apartado de "Programas e Servizos" ofrece ampla información sobre axudas, subvencións e concursos aos que poden acceder as PEMES; programas europeos de interese; un Laboratorio PEME con biblioteca de artigos, conferencias, iniciativas e guías de recursos centrados en iniciativas emprendedoras, formación, divulgación tecnolóxica e promoción da innovación; directorio de ligazóns a enlaces públicos para axuda á creación de empresas, á Unión Europea e información estatística; unha sección de actualidade comunitaria e a posibilidade de descargar ferramentas informáticas de acceso libre, que serven para a xestión integral das pequenas e medianas empresas con programas variados, dende paquetes básicos de contabilidade e nóminas, loxística, terminais de puntos de venda ou paquete ofimático, entre outros.

Outro dos apartados de información básica e especializada para as empresas é o de "Temas empresariais", actualizado diariamente, de temática variada, que recolle todos os asuntos de interese para o sector como fontes de financiamento, márketing, calidade, dirección, internacionalización e patentes, entre outras. Ademais, as PEMES disporán no portal dunha sección de "Servizos de información e participación" con foros especializados e con información diaria de eventos, feiras e encontros empresariais. GaliciaPMS ofrece a posibilidade de recibir un boletín semanal actualizado con novas, eventos e axudas de interese para o seu labor diario.

Guía de parques empresariais de Galiza
O titular de Innovación e Industria repasou outra das novidades do portal GaliciaPMS, a Guía dos Parques Empresariais Galegos que sistematiza toda a información relevante para as PEMES. Esta información inclúe datos exactos de localización, accesos, infraestruturas coas que conta o parque, empresas ubicadas e espazo libre para a instalación de novas empresas.

GaliciaXa
GaliciaXa é a páxina contedor que mostra e acolle os diferentes proxectos postos en marcha pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información que serve como agrupador de todos os proxectos da Consellaría de Innovación e Industria en materia empresarial e das novas tecnoloxías, ao que se seguirán engadindo portais de referencia nesta materia.

Este proxecto está desenvolvido na súa totalidade en software libre e instalado nunha plataforma IBM dotada de software básico libre tamén na súa totalidade interoperábel e multimedia. Segundo destacou o conselleiro, cumpre a dobre función de, por unha banda, dar servizo ás PEMES galegas e, por outra, cumprir co acordo de goberno de impulsar a implantación do software libre no noso país.

0 comentarios: