Microsoft promociona cun concurso a 'galeguización' do seu sistema operativo


A multinacional do software Microsoft presentou este martes a campaña "Faille un clic ao galego", que busca fomentar o uso do seu sistema operativo Windows a nosa lingua. A iniciativa inclúe un concurso para que os 6 usuarios que consigan que máis xente descargue as traducións ao galego poidan gañar computadores e outros premios.

Microsoft España habilitou unha web específica que lles facilita aos usuarios que desexen empregar o galego como lingua principal na interface dos seus computadores nos paquetes ofimáticos Office 2003 e 2007 e os sistemas operativos Windows XP e Vista.

O concurso posto en marcha para promocionar a instalación do Windows en galego desenvolverase do 9 de abril ao 9 de maio, e conta coa colaboración das marcas Dell, HP e Investrónica, que achegarán computadores de nova xeración con Windows Vista en galego preinstalado.

No acto de presentación, que serviu para dar a coñecer publicamente a tradución de Windows Vista ao galego, estiveron presentes o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López. A secretaria xeral sinalou que "o futuro das linguas ten nas novas tecnoloxías un novo factor para medir a súa vitalidade e a súa saúde. A familia, a escola, a empresa, a administración, -que son os espazos nos que convencionalmente se lles toma o pulso ás linguas-, teñen por forza que atender hoxe ás novas tecnoloxías nesa diagnose, como elemento transversal a todas elas".

0 comentarios: