Máis de 2,6 millóns de persoas xa dispoñen de historia clínica electrónica

A Consellería de Sanidade anunciou que vai apostar pola consolidación dun sistema de información para o conxunto do Sistema Público de Saúde de Galicia, apoiado no uso intensivo das tecnoloxías da información, coa historia clínica electrónica como elemento vertebrador. Actualmente máis de 2,6 millóns de cidadáns galegos dispoñen xa de información clínica no historial electrónico.

O Goberno puxo xa en marcha a prescrición electrónica en todas as súas áreas de Atención Primaria, con máis de 15 millóns de receitas xeradas por medios electrónicos, e superando xa o 40 por cento da prescrición total no último mes.

Así o indicou a conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio Vidal, na súa intervención inaugural do VII Foro de Sistemas de Información para o Sistema Nacional de Saúde, que reúne en Baiona representantes de todas as comunidades autónomas e do Ministerio de Sanidade para impulsar os sistemas de información como instrumentos de medición e avaliación do Sistema Nacional de Saúde.

Rubio Vidal deu conta de todas as achegas producidas dende que, en xuño de 2006, o Goberno galego presentase o Plan de Tecnoloxías da Información Rede Saúde. "Unha información precisa vainos permitir avaliar de maneira exhaustiva o funcionamento da nosa sanidade", aclarou a conselleira de Sanidade.

En relación coa receita electrónica, Rubio Vidal explicou que "estamos en pleno proceso de conexión" entre as oficinas de farmacia e rede pública en colaboración cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos. Fixo balance tamén do proxecto Ianus, salientando que actualmente no país máis de 2,6 millóns de persoas dispoñen dunha parte importante da súa información clínica integrada no seu historial clínico electrónico, e máis de 13.000 profesionais xa foron formados e dotados de tarxeta chip para garantir un acceso seguro á mesma, o que supón un de cada tres integrantes do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde. "A existencia dunha historia clínica normalizada e única, na que se recolle todo o coñecemento sobre un paciente, implica, non cabe dúbida, unha maior eficacia e axilidade na atención sanitaria", indicou a conselleira.

Ademais, a imaxe radiolóxica xa é dixital en nove dos 14 hospitais públicos galegos, contando actualmente con máis de 15 millóns de imaxes dixitalizadas; e está planificada a extensión do proceso a toda a rede do Servizo Galego de Saúde neste ano.

0 comentarios: