O Día Galego do Emprendedor terá como miolo as grandes posibilidades da Rede


Non é que todos os internautas sexan emprendedores, pero si que é certo que para ser o segundo, hai que ter un control e un coñecemento fondo (agora máis que nunca) dos segredos da Rede. O abano de pasos que se poden dar con ela é tan grande como nos poidamos imaxinar, e van dende o asentamento da primeira pedra do negocio até a elaboración da axenda de actividades a medio e longo prazo. Polo medio, todo é desenvolvible na Internet: así de sinxelo. Tendo en conta isto, case era de supoñer que a terceira edición do Día Galego do Emprendedor (a celebrar en Santiago o 15 de maio) non só se apoiase na Internet senón que tamén a tivese presente no seu miolo. E así é.

A xornada, promovida polo Ministerio de Industria en todas as Comunidades Autónomas e impulsada en Galiza polo IGAPE e BIC Galicia, contará coa presenza de representantes do sector das novas tecnoloxías para falar polo miúdo das súas experiencias e abrir camiños aos que comezan (tal e como se pode ver no programa).

Alfons Cornellá, Roberto Moreda (Igalia), o blogueiro Juan Freire ou Juan Carlos Cubeiro (socio director de Eurotalent e un dos máis recoñecidos expertos en talento) son algúns dos convocados. Asemade, tamén está no programa o Proxecto de Next-Pedra (que vincula o sector do granito ó dixital) ou a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), para quen o feito de concorrer nunha xuntanza desta índole significa unha boa oportunidade de ofrecerlles ás mozas e mozos galegos interesantes vieiros de acceso á cultura emprendedora arredor do software libre.

Asemade, tamén se lle dará cabida á presentación de iniciativas de organización e cooperación empresarial en liña ou de proxectos de procura de financiamento para un negocio apoiado en código aberto, tal e como sinala mancomun.

As diferentes vías para o financiamento de proxectos emprendedores en xeral, ou un seminario achegado polo ICEX sobre como facer presupostos de plans de promoción no marco da internacionalización, son outras das propostas programadas.

Por outra banda, está programada tamén unha actividade de carácter lúdico da man do grupo teatral Mofa e Befa, que representará as principais dificultades que se atopan os emprendedores no camiño ata a creación da súa empresa.

0 comentarios: