O Dicionario E-SignoVisual recibe o premio da Asociación de Redes de Telecentros


O Dicionario E-SignoVisual, espazo web desenvolvido pola Consellaría de Innovación e Industria, recibiu o premio da Asociación de Redes de Telecentros durante o congreso anual que se está a desenvolver en Fuerteventura. A coordinadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, Carme Suárez, recolleu este premio en nome da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.

E-SignoVisual é un dicionario virtual de termos tecnolóxicos que fai máis accesíbel a linguaxe tecnolóxica ás persoas xordas, para que poidan achegarse ás novas tecnoloxías, que supoñen para elas unha fonte de novas oportunidades de integración. Asemade, conxuga a linguaxe de signos, a lingua galega e o software libre.

Resulta de especial importancia que o galego teña presenza nesta ferramenta, pois abre a linguaxe de signos ao noso idioma, algo novidoso para este colectivo é novidoso. Este dicionario foi posto en marcha a través das páxinas web da Asociación de Persoas Xordas de Lugo e da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, o que permitirá estender os seus beneficios a toda a colectividade de xordos de Galiza.

No seo do Congreso de Telecentros, desenvolveuse en Fuerteventura a reunión da Asociación de Redes de Telecentros, na que se afondou na situación actual das redes de telecentros, o fortalecemento das redes de colaboración, e a posta en común de experiencias de boas prácticas que sexan aptas para implantar noutras redes. Por outra banda, o congreso estase a centrar moi especialmente na exposición de experiencias de impulso da Sociedade da Información que se están desenvolvendo en Latinoamérica e en África. Ademais, tamén se están a realizar no 7º Congreso de Telecentros e Redes de Telecentros presentacións de proxectos especificamente desenvolvidos para estas redes.

0 comentarios: