A Rede de Dinamización participa nun encontro de telecentros nas Illas Canarias


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información vai estar presente na sétima edición do Congreso Nacional de Telecentros e Redes de Telecentros, que se vai desenvolver o 17 e 18 de abril no Auditorio de Corralejo do municipio de La Oliva, en Fuerteventura. O Congreso pretende converterse nun espazo adicado ao intercambio e á difusión do coñecemento por parte dos participantes, tentando chegar a novas liñas de investigación que permitan avanzar no xeito de achegar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación a toda a cidadanía e facela así partícipe das vantaxes da Sociedade do Coñecemento.

A Rede de Dinamización vai presentar a candidatura de E-SignoVisual para o concurso da mellor iniciativa levada a cabo durante o 2007. Esta iniciativa do dicionario tecnolóxico signado presentarase na xuntanza da Comunidade de Telecentros do día 16 de abril en Lanzarote. Ademais, unha representación da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información formará parte da mesa redonda sobre boas prácticas e experiencia de desenvolvemento da Sociedade da Información que terá lugar o venres día 18 de 9:00 a 10:10.

O Congreso contará coa asistencia de representantes de numerosas redes de todo o estado e mesmo de Latinoamérica a traveso de múltiples relatorios e catro obradoiros simultáneos na tarde do día 16 sobre compartir coñecemento, software libre nos telecentros, novos xeitos de conexión á rede en zonas afastadas e empresas.

0 comentarios: