Un informe analiza a usabilidade das webs autonómicas


A consultora Biko2 desenvolveu un estudo de usabilidade sobre 17 páxinas web de administracións autonómicas españolas, para analizar as prácticas actuais e identificar os aspectos máis críticos a mellorar, quedando a web de Asturias coma modelo de excelencia, seguido polas comunidades de Baleares, Cataluña, Navarra, Castela e León e a Rioxa, mentres que Galicia quedou na media xunto con Madrid, Murcia, Andalucía e Eusakadi.

Mirando á web da Xunta, dende Biko2 recoñecen que ten un nome sinxelo (xunta.es) e doado de lembrar, acadando tamén un bo posicionamento nos buscadores. A súa estética e a xerarquía da información tamén están moi coidadas na web da Xunta, que presenta unha estrutura de navegación consistente e con poucos niveis, o que facilita a navegación por parte do usuario.

Unha vez entrado a detectar carencias da web da Administración galega, dende Biko2 se ven na obriga de destacar que deixaron fóra do informe as webs de Turgalicia e Cultura e Deporte, polo que a axenda cultural e a información turística estaría mellor tratada do que se pode pensar nun primeiro momento.

A consultora tamén detectou moitos contidos que non se integran ben co resto da web, así coma o feito de que na portada do sitio aparezan moitos contidos destacados en forma de banner, o que resta credibilidade ó espazo virtual.

Un detalle que tamén destacan no informe é que, pese a que o formulario web para a realización de consultas é sinxelo e efectivo, a atención recibida non está ao mesmo nivel, xa que unha consulta remitida en español se respondeu en galego e a dúbida prantexada non se resolveu, remitindo ao interesado «ao departamento de Benestar Social, a pesar de que este departamento forma parte da Xunta».

0 comentarios: