A Coruña acolle hoxe un festival de solteiros e solteiras convocados pola Rede

Malia que a primeira vista semella (polo seu nome) unha feira do disco antigo, El mundo del single vai por outros vieiros, senón opostos, si que completamente diferentes. Do que trata en liñas xerais esta iniciativa é de ofrecer recursos para que as persoas ceibas e solteiras (singles en inglés) se atopen. A proposta, que inclúe quedadas, viaxes, cenas ou excursións, non tería as características requiridas para ser comentada nunha web tecnolóxica como Código Cero (como o uso de calquera aparello ou sistema dixital) senón fose por dous detalles que a tocan de preto: apóiase en boa medida no emprego da Rede como peza fundamental da súa actividade e, ademais, está a piques de ser presentada na Coruña.

Será este venres 30 de maio ás 22 horas no pub Loft 36 cando se dea a coñecer a proposta perante os 200 usuarios e usuarias de todos os recantos de Galiza que xa confirmaron a súa asistencia.

O encontro, que incluirá xogos e encontros para que a xente se coñeza e crebe o xeo canto antes e de xeito natural, constitúe a primeira das actividades oficiais da sección galega da empresa, promovida por dous emprendedores novos da Coruña: Luciano Cotelo e Isabel Loureiro. Como dixemos, unha boa parte do día a día desta iniciativa lévase a cabo na Rede e a través da web específica da empresa, na que se ofrece información sobre a mesma, recursos para a inscrición e a comunicación directa, amais dun boletín mensual para os rexistrados. Neste intre, a páxina conta xa con 8.000 usuarios rexistrados en toda España.

0 comentarios: