Curso de fotografía dixital por Internet para as forzas de seguridade

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) vén de anunciar que entre os días 26 de maio e 17 de xuño do presente ano impartirá un curso sobre fotografía dixital a través da Rede dirixido ao persoal das forzas e corpos de seguridade en xeral, “tendo preferencia os membros dos corpos de policía local e autonómica”.
O obxectivo deste curso é dotar ás forzas de seguridade dos coñecementos fundamentais para levar a cabo as tarefas máis importantes no eido da fotografía dixital aplicada á función policial, “especialmente aos atestados por accidentes de tráfico”.

Deste xeito o contido do curso divídese en tres módulos: un sobre fotografía, outro policial e un terceiro de edición fotográfica, logo dos cales haberá unha proba presencial final consistente nun exame tipo test con tempo limitado e a resolución dun caso práctico a presentar por escrito e en soporte informático.

Para a realización deste curso é importante que os asistentes posúan unha serie de coñecementos técnicos mínimos para empregar con soltura os equipos informáticos e as cámaras fotográficas. Asemade, é preciso que conten con ordenador propio cun navegador web instalado e conexión a Internet, así como cunha cámara fotográfica con funcións automáticas e manuais que permita diversos xeitos de exposición, balance e compensación da exposición.

A actividade, que conta con 50 prazas, é de balde e o prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro 19 de maio.

Os alumnos que superen os tests dos tres módulos e os casos prácticos recibirán un certificado de participación; aqueles que ademais superen a proba presencial final recibirán o de aproveitamento.

0 comentarios: