FEUGA e Infonomía achegan en Santiago claves para sermos empresarios actualizados


A información despista. Ou mellor dito: a sobrecarga de información. Por exemplo: o Google xa hai tempo que deixou de ser unha ferramenta aconsellable se imos ir de viaxe e andamos a procurar aloxamento fiable, bo, barato e ben situado. Cos termos que temos máis a man e sen tempo posible para afondar nos resultados da procura, só nos moveremos nas webs máis comerciais, que son as que –que casualidade- figuran nos mellores postos da operación e xeralmente as menos fiables para acadar algo barato. Isto pasa con case toda a información. Esta enleada vén a conto para pór de manifesto a necesidade de ferramentas e recursos que ordenen o coñecemento e nolo sinteticen, que nos sirvan (tamén) para facer o que a falta de tempo e dispoñibilidade nos impide: acceder a máis e mellores ideas de valor. Este é un dos grandes obxectivos de Update 08 Galicia, un evento empresarial organizado por FEUGA e Infonomía o vindeiro xoves 29 de maio en Santiago.

O encontro en cuestión, que se desenvolve entre as 11.00 e as 13.00 horas na sede que a devandita fundación galega ten no Campus Sur, estase a presentar xa na Rede (vémolo en pdf) como unha “síntese dos artigos, libros, casos que non tiveches ocasión de ler e dos relatorios ós que non puideches asistir”. Este é, en definitiva e con outros termos, o fin do evento: dar ideas clave (10) para estar ó día no eido dos negocios e sen necesidade de perder mañás e seráns enteiros separando na Rede o gran (pouco) da palla (moita).

O encontro, que contará coa presenza de importantes especialistas en todo tipo de recursos de xestión do coñecemento (como Alfons Cornellá ou Antonella Broglia), vai dirixido sobre todo a directivos e profesionais galegos. O evento, amais de cun amplo historial de éxitos de participación (pois forma parte dun itinerario por diversos países) contará cunha boa listaxe de recursos multimedia para dar conta polo miúdo do máis innovador a día de hoxe en materia de tendencias nos negocios a nivel internacional.

O custo da inscrición na xornada é de 175 euros para non socios de FEUGA e de 150 para socios. Para máis información, cómpre pórse en contacto coa entidade a través da súa web ou do teléfono 981 534 180.

0 comentarios: