O Goberno sitúa no 15% a porcentaxe de persoas maiores que accede á Rede

O Ministerio de Industria deu conta os días pasados do acadado polo seu Plan Avanza en materia de facilitar o acceso das persoas maiores á Sociedade da Información en 2006 e 2007. As cifras do devandito Plan (dirixido a poñernos a Rede un pouco máis preto) son as seguintes: 12 millóns de euros mobilizados para favorecer a inclusión do dito colectivo na Sociedade do Coñecemento e unha porcentaxe do 15% das persoas maiores conectándose xa (con maior ou menor frecuencia: o abano é amplo) aos recursos da Internet (fronte ao 7,8% rexistrado en 2003).

Na achega da dita cantidade de cartos o Ministerio de Industria concorreu con 6 millóns de euros. O resto foi subministrado polas Comunidades Autónomas e outros organismos públicos e privados. A idea do Ministerio é proseguir con estes traballos (canalizados a través do Plan Avanza) e mesmo incrementalos.

De aí que os días pasados se teñan convocados 18 millóns de euros máis para proxectos en catro áreas (igualdade de xénero, maiores e discapacitados, nenez e adolescencia e contorno rural). Ademais, o Goberno vén de presentar o proxecto Comunidad Seniors, desenvolvido por Fundetec e Secot e encamiñado a tirar partido da experiencia de persoas maiores para o asesoramento de emprendedores novos e pequenos empresarios.

0 comentarios: