O presidente de Mozilla Europa anuncia que haberá versión oficial de Firefox en galego


O presidente e co-fundador da Fundación Mozilla-Europa, Tristan Nitot, rectificou unhas declaracións sobre a tradución ao galego de Firefox, o navegador libre para a web máis coñecido, nas que afirmaba que non existía unha versión en galego do programa e que non a habería se ningúen se presentaba. A comunidade galega de tradución de software interpelou a Fundación Mozilla por estas declaracións, xa que leva máis de dez anos traducindo software, incluído o navegador Firefox dende as súas primeiras versións.

Esta interpelación foi respaldada pola Consellaría de Innovación e Industria ao constatar que era a propia Fundación Mozilla quen impedía a normalización do galego na tradución do Firefox ao rexeitar sucesivamente as distintas propostas de coordenación que se lle foron presentando ao longo dos últimos anos. Finalmente foi o proprio presidente da Fundación Mozilla, Tristan Nitot, quen emitiu un comunicado público rectificando as súas declaracións iniciais.

Con todo, o resultado máis importante destas xestións coordenadas a través do Centro de Referéncia e Servizos de Software Libre de Galiza, da Consellaría de Innovación e Industria, é que o presidente da Fundación Mozilla-Europa confía en que moi pronto Firefox 3 poida estar dispoñibel en galego, confirmando que Mozilla e Mancomún traballan conxuntamente na mesma dirección.

0 comentarios: