Videoconferencia con Canadá dende un colexio galego

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, non quixo deixar de comprobar por ela mesma como funciona a comunicación por videoconferencia a través da Rede con xente de outro país, polo que se desprazou até o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Eladia Mariño de Cabanas para compartir esa experiencia cos estudantes e os profesores do centro.

Dende alí, por primeira vez na nosa terra, os alumnos galegos puideron compartir experiencias cos estudantes e docentes do Senator Patrick Burns School, de Calgary (Canadá), que se conectaron á Rede para establecer contacto por videoconferencia.
Esta actividade tiña por obxectivo contribuír ó intercambio de culturas entre o alumnado e avanzar na aprendizaxe de linguas estranxeiras xa que ámbolos dous centros contan con programas de anticipación da lingua inglesa dende os 3 anos (no caso do centro de ensino galego) e de educación bilingüe en inglés e español (no caso do centro do Canadá), polo que esta experiencia permitiulle ó alumnado pór en práctica os seus coñecementos.

Asemade, esta iniciativa que xurdiu dos contactos establecidos pola Administración educativa na súa visita ao devandito país o pasado mes de novembro, contribúe a fomentar a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos centros educativos, un dos obxectivos prioritarios da Consellaría.

O alumnado galego e o canadense intercambiaron experiencias sobre os programas bilingües, así como sobre gustos, pasatempos e materias favoritas. Os estudantes galegos despedíronse cunha canción en inglés, que foi coreada polos alumnos canadenses; mentres que os estudantes de Calgary convidaron aos galegos a visitar a súa cidade. Á espera da visita, nós agardamos que a experiencia se repita máis veces neste e noutros colexios e centros de ensino galegos.
Na imaxe, o centro de ensino do Canadá.

0 comentarios: