1,7 millóns de euros para accións de dinamización da innovación nas pemes galegas


Poden optar a estas axudas organismos de intermediación e representación empresarial e empresas consultoras especializadas en xestión da innovación

Subvencionaranse actividades como conferencias e seminarios que incidan na importancia da innovación e accións para a implantación da I+D+i en pequenas empresas

A Consellaría de Innovación e Industria publicou, a través da súa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a convocatoria de subvencións para a mobilización, a dinamización e a sistematización da Innovación. A convocatoria ten un orzamento dispoñible de 1,7 millóns de euros.

O obxectivo desta orde é sensibilizar sobre a importancia dunha xestión da innovación axeitada, para o que se subvencionarán xornadas, seminarios e obradoiros por un lado, e accións de dinamización da innovación en colectivos empresariais por outro.

A convocatoria contribúe deste xeito á creación de dinámicas e de competencias que permitan o aproveitamento dos recursos de innovación e o acceso a socios e colaboradores que faciliten os procesos de cambio na empresa. Poden optar a esta convocatoria organismos de intermediación e representación empresariais e empresas consultoras especializadas en xestión da innovación. Os organismos de intermediación son aqueles que aglutinan colectivos sectoriais ou xeográficos de empresas e que, ademais dunha función de representación do colectivo, deben prestar de forma habitual servizos de apoio ás empresas e presentar un interese preferente pola innovación.

En canto ás consultoras, deben demostrar experiencia no fomento de accións de articulación do sistema de innovación e ofertar servizos de consultoría en innovación. Xornadas, obradoiros e accións de dinamización As actuacións que se financiarán son de dous tipos.

Por unha banda, subvencionaranse xornadas, seminarios e obradoiros sobre a importancia da innovación e a súa aplicación sistemática e profesionalizada, e por outra accións de dinamización da innovación en colectivos empresarias. No caso de xornadas e seminarios, valorarase a capacidade de convocatoria e impacto, mentres que nos obradoiros se dará prioridade a aqueles dirixidos a grupos de empresas reducidos para desenvolver accións concretas. Os gastos subvencionables son o pagamento a conferenciantes, os custos de desprazamentos, o aluguer de salas e a dedicación de persoal da entidade organizadora. A contía será dun máximo de 20.000 euros por evento e 100.000 por programas completos con varios eventos. Subvencionarase até o 100% dos gastos admitidos.

A segunda modalidade vai dirixida a accións de dinamización da innovación en colectivos empresariais e a proxectos piloto de implantación de sistemáticas de innovación en PEMES. As axudas poderán ser dun mínimo de 10.000 euros e ata un máximo de 100.000 e os gastos que poden ser subvencionados son os de persoal propio ou contratado, os de consultoría, asesoría, titoría e formación, e outros gastos.

Presentación preferentemente telemática

O prazo para presentar as solicitudes remata o día 2 de xullo do presente ano. Para solicitar a subvención, os formularios deberanse obter, cubrir e aceptar necesariamente a través da aplicación informática establecida nos enderezos electrónicos http://www.conselleriaiei.org/dxidi ou http://xunta.es/administracionelectronica.

As solicitudes presentaranse, preferentemente, a través da aplicación informática. Non obstante, as entidades terán a opción de facer a presentación en formato papel nun rexistro válido, unha vez impresos os documentos xerados pola aplicación. Aquelas entidades que opten pola presentación manual, poden facelo nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, ou polos restantes medios previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

0 comentarios: