Chaval.es presenta un decálogo para pais e nais contra a pedofilia en Internet

O portal Chaval.es vén de presentar o Decálogo do bo uso de Internet, dirixido a nais e pais que lles explica cómo ensinar aos seus fillos a navegar dun xeito seguro e sen expoñerse a situacións non desexadas.

O portavoz de Red.es, (entidade pública que promove esta web) Rafael Chávarri, presentou a iniciativa durante o Congreso Internet na Aula, onde explicou que os pais, nais, titores e titoras “deben instalar o ordenador das nenas e dos nenos nunha habitación na que se poidan controlar para que non naveguen de noite e acompañalos sempre nas súas primeiras conexións”.

O decálogo recomenda, entre outras cousas, que os pais e nais controlen cál é a rede social das e dos cativos por medio de programas de software avanzado que gravan os chats para que non entren en “ámbitos de pedofilia” e alerta sobre o perigo de entregar certos datos persoais como a idade, dirección ou número de teléfono a páxinas sospeitosas.

Chaval.es vén de renovarse cara a tecnoloxía 2.0, baseada na interactividade, con novas seccións como Reporteiro Chavales, Xanela ao mundo e Club Chavales, que constitúe unha comunidade virtual para os máis pequenos e pequenas da casa.

0 comentarios: