Compostela acolle o Proxecto Europeo Parents


No marco da iniciativa de Aprendizaxe Permanente da Comisión Europea (Programa Long Life Learning - Grundtvig) no que participan sete institucións europeas (entre as que se atopa o Centro de Supercomputaición de Galicia, CESGA), o Proxecto Europeo Parents vai celebrar unhas xornadas de traballo en Santiago de Compostela os vindeiros días 5 e 6 de xuño.

Este proxecto, que aborda o problema da formación dos pais e das nais de adolescentes á hora de orientar aos seus fillos e fillas nos seus estudos e opcións laborais futuras, está coordinado pola institución de educación superior de Lodz-Polonia-Academy of Management (SWSPiZ) e chega á nosa Comunidade da man da área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Precisamente este departamento é o responsable de definir as ferramentas tecnolóxicas de asesoramento e formación así como de liderar a análise do desenvolvemento do entorno tecnolóxico do proxecto.

Os responsables da iniciativa teñen como principal obxectivo experimentar un modelo de formación, orientación e aprendizaxe conxunta co apoio das novas tecnoloxías, tanto para axudar no desenvolvemento de competencias e habilidades entre os pais e nais como para reforzar o papel da formación entre pares na educación dos seus fillos xa que todos xogan un papel crucial na planificación das súas carreiras profesionais.

Aínda que as investigacións nesta materia están sendo realizadas en Estados Unidos e Canadá dende hai máis de dez anos, en Europa é unha temática aínda por explorar polo que esta iniciativa será un punto de partida no desenvolvemento de novas experiencias similares na nosa comunidade.

0 comentarios: