Imaxin presentou o seu tradutor automático portugués-galego

Imaxin Software presentou este xoves o Opentrad galego-español-portugués, desenvolvido coa colaboración do Grupo Talg da Universidade de Vigo e de Paulo Gamallo, da USC.

Na presentación da ferramenta, Xavier Alcalá, Enxeñeiro en Telecomunicacións ademais de escritor, salientou a importancia da aplicación para evitar seguir desaproveitando as "oportunidades naturais" coas que conta Galiza "neste mundo competitivo". "Brasil", dixo Alcalá, "é unha inmensa potencia necesitada de ser atendida na súa lingua", o mesmo que as economías emerxentes africanas como Angola e Mozambique. "O que paga manda e se o que paga fala en portugués, hai que usar o portugués". Tradutores deste tipo, concluíu Alcalá, "evitan ridiculeces e falsos compañeiros á hora de facer negocios; non se poden facer en castelán ou nun mal galego".

Galiza é a primeira comunidade autónoma do Estado en volume de importacións dende Portugal, e as relacións económicas do Estado Español con Lisboa superan ás que realiza con toda América Latina. O tradutor, salientou Diego Vázquez, director de marketing de Imaxin, era unha vella demanda das empresas.

De código aberto e personalizábel

Entre as súas características destaca a súa bidireccionalidade entre as tres linguas, o uso do código aberto, xa dispoñíbel para o seu desenvolvemento en sourceforge, a efectividade nas traducións (grazas aos máis de 12 mil termos cos que conta a súa base de datos) e as posibilidades de personalización dos resultados. A nova aplicación do Opentrad permite adaptar o tradutor ao libro de estilo dunha empresa ou medio de comunicación, e adáptase el propio aos fondos textuais dunha fonte, para ofrecer unha tradución máis exacta.

0 comentarios: