Innovación e Industria ampliará a cobertura WiMAX de Cuntis, Curtis, Manzaneda, Riotorto e San Sadurniño

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco, asinou esta mañá cinco convenios de colaboración cos alcaldes dos concellos de Cuntis, Curtis, Manzaneda, Riotorto e San Sadurniño para a ampliación da cobertura WiMAX nestes municipios. Nos devanditos concellos a Consellaría desenvolveu o ano pasado un proxecto piloto mediante o cal se implantaron redes de telecomunicación sen fíos de acceso público a Internet cun investimento total nestes municipios de 500.000 euros.
Innovación e Industria compromete con esta nova sinatura a ampliación da cobertura xeográfica da rede WiMAX co fin de garantir un mellor nivel de penetración das novas tecnoloxías no territorio dos concellos asinantes. A esta ampliación Innovación e Industria destina 342.928,22 euros (Cuntis -70.489,35-; Curtis -57.983,17-; Manzaneda -74.484,4-; Riotorto -55.481,94-; San Sadurniño
84.489,35-), que sufragará as infraestruturas precisas para a distribución do sinal nas áreas xeográficas que determinará unha comisión constituída para o seguimento do proxecto piloto. A maiores, os convenios asinados hoxe con Manzaneda e San Sadurniño permitirán dotar estes dous termos de dinamizadores da sociedade da información.

0 comentarios: