Innovación e Industria contrata as redes sen fíos para os polígonos industriais

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar unha resolución da Consellaría de Innovación e Industria para o desenvolvemento de redes sen fíos de acceso á internet de banda larga nos polígonos industriais do país.

A resolución, do 18 de xuño de 2008, anuncia a contratación por procedemento aberto do contrato administrativo especial que consiste na adquisición e implantación das redes, ademais da súa explotación e conservación.

O orzamento destinado á licitación do servizo é de 1,6 millóns de euros e o prazo límite da posta en funcionamento é o 30 de novembro de 2008. O prego de condicións atópase no enderezo http://www.xunta.es/contratacion/resultado.jsp?N=9848.

Unha vez se cumpra este trámite, os polígonos industriais e parques empresariais de Galiza poderán dispoñer de conexións á rede de calidade, o que contribuirá a ampliar a súa produtividade, competitividade e posibilidades de negocio.

0 comentarios: