Innovación e Industria inaugura en Monte Porreiro un novo Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información


O Centro está equipado coa tecnoloxía máis avanzada e con software libre para desenvolver todo tipo de actividades relacionadas coa formación nas novas tecnoloxías

A Consellería de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, puxo hoxe en marcha en colaboración co Concello de Pontevedra, o novo Centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información de Monte Porreiro, coa intención de achegar a cidadanía ás Novas Tecnoloxías e á Sociedade da Información. O acto de inauguración do centro estivo presidido pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e nel tamén participou a delegada provincial da Consellería en Pontevedra, Montserrat Prado.

O novo centro –situado no Centro Socio Cultural de Monte Porreiro da rúa Alemaña–está totalmente equipado coa tecnoloxía máis avanzada e con software libre para desenvolver todo tipo de actividades relacionadas coa formación nas Novas Tecnoloxías. Compoñen o equipamento 10 ordenadores para usuarios/as, unha cámara fotográfica dixital, un retroproxector, unha impresora láser, unha impresora a cor, un escáner, webcams e lectores de DNI. O centro estará aberto a disposición da poboación, para permitir o acceso libre e gratuíto ao emprego de todo o seu equipamento, así como tamén será libre e gratuíta a participación en todas as actividades de formación e obradoiros que na aula se programen e desenvolvan.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información é unha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria e está enmarcada dentro do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria) como unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na Sociedade da Información e o desenvolvemento rural.

A Rede contribúe a desenvolver iniciativas relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos e conta con 85 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

A Rede iniciou a súa actividade no Concello de Pontevedra en xaneiro do 2007 poñendo en marcha 77 obradoiros ao longo de case 800 horas, nos cales participaron preto de 700 usuarios/as. Destes usuarios/as 3 de cada 4 foron mulleres, cunha franxa de idade maioritaria entre os 35 e os 65 anos. Estes obradoiros leváronse a cabo nas aulas de informática do Pazo da Cultura e no IES Luís Seoane de Monte Porreiro, impartidos por unha dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Os obradoiros, na súa maioría, estiveron destinados a proporcionar un achegamento básico ás Novas Tecnoloxías a través da alfabetización dixital. Entre as actividades destaca a que se está a desenvolver nestes días, chamada Memoria de Muller, que pretende achegar ás mulleres ás Novas Tecnoloxías e, ao mesmo tempo, recuperar a memoria histórica, persoal, social ou cultural do lugar. Contando cada unha a súa propia historia a través das imaxes, a súa voz e o son, crearán con isto un vídeo que servirá para gardar e difundir os seus recordos, vivencias ou intereses ao resto da sociedade.

Estes datos reflicten a boa acollida que tiveron as actividades programadas pola Rede no Concello de Pontevedra, polo que a Consellería de Innovación e Industria decidiu poñer en marcha un centro propio, inserido na Rede de Dinamización da Sociedade da Información.

0 comentarios: