Nenas e nenos de Castrelo de Miño entraron na era dixital a través dun concurso de debuxo


O Concello de Castrelo de Miño e máis a Rede de Dinamización da Sociedade da Información veñen de anunciar a resolución dun concurso encamiñado a favorecer o uso das novas tecnoloxías entre as nenas e nenos mediante actividades colectivas de lecer. O certame, que tamén foi dirixido ao contrario (ou sexa: a contribuír a que as rapazas e os rapaces se expresen e se comuniquen coa escusa das canles dixitais), veu proposto coma un xogo, e así se deduce do título: Navega polos ríos dixitais coa anguía de Castrelo de Miño.

Asemade, a idea dos responsables do concurso foi a de traballar na normalización tecnolóxica alén dos límites da Aula da Rede de Dinamización da localidade, achegando logo a cada fogar de Castrelo de Miño un mestre en novas tecnoloxías (o propio neno ou nena dando conta da súa aprendizaxe perante nais, pais, avoas ou avós.

Na imaxe, o debuxo que se fixo co primeiro premio, feito pola nena Sara González Senra. Os finalistas foron Joaquín Álvarez e Candela Justo.

Os participantes na iniciativa (Gabriel, Adriana, Lucas, Ismael, Cristian, Candela, Sara, Joaquín, Ruth e Aaron) recibiron como agasallo diverso material tecnolóxico de lecer (portátiles, reprodutores dixitais de música, memorias USB, etc).

0 comentarios: