A rede de comunicacións con tecnoloxía WIMAX no concello de Folgoso do Courel, concibida como proxecto piloto para acadar o acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación (TICs) en áreas de montaña, foi presentada esta mañá polo director xeral de Desenvolmento Rural, Edelmiro López, e pola directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela. Este proxecto inclúe a instalación da infraestrutura de comunicacións, a dotación de equipamentos para o acceso á rede en diferentes edificios públicos, asociacións, empresas e particulares, así como a realización de cursos de formación sobre internet e novas tecnoloxías destinados á poboación deste concello. O proxecto vense unir a outro similar que xa está funcionando no concello de Samos.
A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, presentaron esta mañá a rede de telecomunicacións con tecnoloxía Wimax no concello de Folgoso do Courel como un proxecto que facilita o acceso a internet a través dunha tecnoloxía apropiada a zonas de montaña como esta. Neste momento, este sistema de telecomunicacións sen fíos xa ofrece cobertura ao 60% da poboación do Courel, estando previsto que no prazo de dous meses se amplíe ao 90% da mesma. A posta en marcha desta rede de comunicacións, impulsada polas Consellarías do Medio Rural e Innovación e Industria, nace como un proxecto piloto a nivel galego cuxas referencias serán a base para a extensión desta tecnoloxía a outras áreas rurais, especialmente aquelas de difícil orografía como son as de montaña.
Nesta primeira experiencia, o proxecto supón unha actuación global que ten por obxectivo achegar aos concellos de Samos e Folgoso do Courel o acceso a Internet a través da tecnoloxía WIMAX para dar servizo ao conxunto da poboación destes concellos, máis aló das cabeceiras municipais. O proxecto engloba a creación dunha infraestrutura de comunicación de tecnoloxía sen fíos e tamén outras accións complementarias, como o subministro do hardware necesario para o acceso a Internet á poboación, así como accións de sensibilización e formación aos usuarios.
Na actualidade está executada a rede principal, co servizo xa implantado nos núcleos de maior poboación, e estase a traballar na ampliación da rede ao resto do territorio destes dous concellos. Máis concretamente, no concello de Folgoso do Courel neste momento xa existe cobertura WiFi/Wimax nos núcleos de Folgoso, Seoane, Meiraos, Vilasibil, Vilamor, Froxán e Eiriz, ao tempo que se está traballando nunha segunda fase de ampliacións que incluirá Seceda, Mercurín, Miraz, Moreda do Courel, Noceda, Paderne e Teixeira.
Ademais da infraestrutura de acceso de banda longa a Internet e a formación, o proxecto materialízase no portal web www.GalizaRural.net, que é unha plataforma de servizos básicos de telecomunicación que ten como obxectivo achegar as posibilidades de Internet aos habitantes das zonas rurais. A plataforma, que está nestes intres en desenvolvemento, pretende xuntar nun único portal todos aqueles servizos que, a través de enquisas e entrevistas á poboación da zona, se detectaron como de maior utilidade e demanda. Entre os obxectivos principais destaca a posibilidade de servir de portal de acceso e directorio dos servizos da Sociedade da Información máis útiles para a poboación do rural, tales como a información meteorolóxica, prensa e radio on-line, banca electrónica, wikipedia e bibliotecas on-line, foros, taboleiros de anuncios e servizos da administración como acceso ao SIXPAC, catastro, axudas... Ao mesmo tempo, preténdese usala de soporte para a formación on-line e para complementar os cursos presenciais dirixidos aos usuarios da plataforma e dos servizos que se ofertan nela, servindo tamén como marco tecnolóxico para a implantación de servizos sectoriais específicos. Con todo iso trátase, en definitiva, de contribuír á mellora dos servizos e a calidade de vida da poboación, e de dinamizar as empresas localizadas nestas áreas rurais inseríndoas plenamente na sociedade da información.
Is Impotence the Same as ED
Hace 1 año
0 comentarios:
Publicar un comentario