Culturavai.info refórzase como referente das actividades culturais galegas


Cultura Vai, a axenda de espectáculos escénicos e musicais de Galicia vén de converterse no voceiro web das programacións de actividades da Consellaría de Cultura e nun referente para os internautas galegos interesados polo coñecemento achegando dende cada recuncho do noso país.

A web conta coa cooperación dos concellos, das asociacións culturais e das salas privadas de teatro e música de Galicia polo que semella que apenas hai acto cultural ou actividade de calquera outra índole que se lle escape a esta ferramenta que promove a dita Consellaría.

Esta ferramenta permite, entre outras cousas, que os seus usuarios realicen consultas por localidade, data e tipo de espectáculo de xeito doado e rápido, así como acceder á extensa e diversa programación cultural que se desenvolve ao longo de todo o ano en Galicia, para que a cultura “chegue ao seu obxectivo primordial: os espectadores”.

Asemade, os usuarios desta web poden atopar tódalas actividades que conforman a axenda das redes e circuítos que promove Cultura, tales como:

- A Rede Galega de Música ao Vivo, unha asociación de salas galegas de música en directo que aposta pola difusión dos grupos musicais e solistas galegos de tódolos estilos.

- A Rede Galega de Teatros e Auditorios e Rede Galega de Salas; ámbalas dúas promovidas pola AGADIC en colaboración con medio cento de concellos e entidades de toda Galiza. Comparten como obxectivo prioritario proporcionarlles aos cidadáns unha oferta cultural ampla, plural e aberta, aproveitando os recursos e a riqueza de propostas do sector escénico e musical galego.

- Cultura Vai Verán; un programa cultural pensado para apoiar a programación cultural en espazos públicos dos concellos galegos entre os meses de xullo e setembro. Componse, entre outras cousas, de música, maxia, teatro, monicreques, humor, circo, danza e animación de rúa.

- Cultura Vai Nove; unha aposta por alongar a programación cultural estable ao longo de todo o ano. Foi creado para os concellos que non forman parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios e desenvólvese entre setembro e xuño co cal achega a cultura aos concellos máis pequenos durante as estacións de menos actividade.

- Cinemas Dixitais; é un proxecto de creación dunha rede alternativa de exhibición en soporte dixital ao longo da xeografía galega a través da súa exhibición dixital e á maneira do cinema tradicional. Busca axudar na promoción e difusión das producións galegas e non comerciais a través da súa oferta de exhibición a concellos e outras entidades públicas e privadas.

- Espazos Sonoros; é unha idea de conexión entre a música e as arquitecturas que engloba cinco ámbitos temáticos dedicados respectivamente á música de órgano, música vocal, música antiga, música de cámara e un quinto ciclo titulado outros sons, dedicado a repasar algunhas propostas relacionadas coa música dende outros puntos de vista abertos á investigación e a reflexión sonora.

- Circuíto Musical 4 x 4; Música galega e de calidade, posta en marcha pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural por segundo ano consecutivo que chegará a trece concellos de Galiza coa participación de 16 grupos divididos por estilos: Jazz, Canción de Autor, Música tradicional folk e Fusión.

Cultura Vai vén de converterse pois “na marca que vai identificar os programas de actividades organizadas polo departamento”, ben sexa en solitario ou en colaboración con concellos, asociacións veciñais e culturais ou con salas privadas de espectáculos.

0 comentarios: