Innovación destinará 27 millóns de euros á convocatoria de recursos humanos de I+D+i

O Consello da Xunta de Galicia vén de anunciar que autorizará mañá o acordo sobre os compromisos de gasto de carácter plurianual por unha cantidade de 27 millóns de euros para a orde de 2008 do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (INCITE), que anualmente convoca a Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de I+D+i. Este Programa é a ferramenta do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 para a contratación de investigadores, tecnólogos e axentes de innovación no sistema público galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

Dentro do Programa de Recursos Humanos existen contratos e prórrogas cunha duración superior a un ano, de aí a necesidade de que a Consellaría de Innovación e Industria comprometa o gasto dos próximos anos, seguindo o disposto pola Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia. A convocatoria de 2008, que se publicará no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas, suporá un investimento total de 27.176.860 de euros para o período 2008-2011. O reparto deste orzamento de 2008 por anos é o seguinte: 3.414.056 euros en 2008, 12.879.784 euros en 2009, 8.648.020 euros en 2010 e 2.235.000 euros en 2011.

0 comentarios: