O novo Bacharelato inclúe unha materia TIC e perde outra sobre literatura galega

O novo Bacharelato dará para o ano unha de cal e outra de area. Segundo informa o Consello da Cultura Galega, a partires do vindeiro curso será obrigatorio que todos os centros teñan a disposición dos rapaces unha materia de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) de natureza optativa. Por certo que esta incorporación, encamiñada a afianzar entre os nosos mozos e mozas o uso racional das redes do coñecemento, virá acompañada doutras iniciativas a nivel estatal como a posta en marcha dun portal web da escola 2.0 para a comunidade educativa (con mestres e estudantes interactuando e participando dun xeito semellante aos internautas que traballan man con man para facer programas e webs ou para enchelas de contidos).

Pola contra, e a xuízo de CIG-Ensino, os cambios aplicados na oferta dos institutos tamén ten lados negativos. Por exemplo, coa supresión da Literatura Galega do Século XX como materia a elixir de xeito libre. A medida, que o sindicato esixe que se retifique (para que se manteña non só a dita materia, senón tamén as de Literaturas Hispánicas e Literatura Universal Contemporánea), non significa segundo a Consellería de Educación que se deixen de impartir os ditos contidos, senón que estes virán inseridos xa noutras partes do programa formativo. Por exemplo: na propia materia de Literatura Galega.

0 comentarios: