Once concellos máis contarán con telecentros de comunicación


O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, asinou este venres un protocolo de colaboración cos alcaldes de once municipios galegos para a posta en marcha de cadanseu telecentro de comunicación, para achegarlle á cidadanía as novas canles e soportes audiovisuais. Os concellos beneficiados serán Arzúa, Betanzos, Carballo, Muros, Becerreá, Guitiriz, Catoira, Marín, Tui, Vilagarcía de Arousa e Melide.

Na súa intervención, o secretario xeral salientou que "o paso dado hoxe supón un paso na boa dirección, posto que as comunicacións a través das novas tecnoloxías teñen tanta importancia como as estradas convencionais no desenvolvemento do país". "Estamos mergullados na economía do coñecemento e a transmisión da información supón un paso moi importante no que Galicia non se pode quedar atrás". "Son esas comunicacións as que van decidir a prosperidade dos países e os que non o asuman quedarán atrás", subliñou.

Tal e como destacou, os telecentros de comunicación "non son puntos illados senón que son unha malla que contribúe a cohesionar o país e a facer comunidade, nunha Galicia poboacionalmente dispersa e cunha complicada orografía". Así, "os concellos deben aproveitar os telecentros como unha ferramenta inmediata de comunicación, así como para incorporarse á Sociedade do Coñecemento", incidiu.

A Secretaría Xeral de Comunicación colabora coa dotación e instalación de equipos audiovisuais e multimedia, así como co seu mantemento tecnolóxico. Ademais, incorpora o concello á Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) para que se beneficien do traballo colaborativo en rede e da comunidade virtual da RTC.

Os concellos asinantes do protocolo poñen a disposición do proxecto un local onde desenvolver as actividades propias do telecentro, cunha extensión mínima de 80 metros cadrados e sen barreiras para persoas de mobilidade reducida. Así mesmo, asumen, con cargos aos orzamentos municipais, os gastos de acondicionamento do telecentro, ao tempo que se comprometen co mantemento ordinario e apertura constante ao público do espazo.

A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración cos concellos onde se sitúan. Actualmente existen telecentros na Coruña, Abegondo, Boiro, Ribeira, Santa Comba, Santiago, Vedra, Vimianzo, A Fonsagrada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Monterroso, Viveiro, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo de Limia, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Redondela e Vigo.

0 comentarios: