Os operadores de banda larga deberán ofrecer, cando menos, o 80% da velocidade

O Ministerio de Industria ten previsto remitirlle este martes ao Consello Asesor Técnico da Sociedade da Información o borrador do Real Decreto de Cartas de Dereitos e Obrigas dos servizos de Telecomunicacións e da Sociedade de Información. Entre as medidas que inclúe están o feito de prohibir ofertas de banda larga que non garantan o 80% da velocidade prometida.

Na presentación do borrador, que coincidiu coa celebración do millón de dominios .es, Miguel Sebastián anunciou que o goberno español pretende rematar coa "proliferación de ofertas de alta velocidade que non se cumpren". Os proveedores de servizo de banda larga terán que revisar cada liña para informar os usuarios das velocidades reais que poden acadar.

Tamén se presentou o informe da Comisión do Mercado das Telecomunicacións sobre a situación dos servizos e infraestruturas de telecomunicacións por provincias e por Comunidades Autónomas en 2007. Segundo o estudo, Galiza era a segunda comunidade con menor penetración da banda larga, aínda que cun crecemento do 25% con respecto ao ano 2006. Tamén destaca entre as comunidades con maior cota de mercado dos operadores de cable nos accesos á rede, no cuarto lugar, só por detrás de Asturias, Euskadi e Cantabria.

0 comentarios: