Publícase no DOG a resolución das axudas á implantación das TIC nas empresas


A Consellaría de Innovación e Industria vén de resolver a convocatoria de apoio ao tecido industrial galego para o seu desenvolvemento tecnolóxico coa concesión dun total de 331 axudas para a execución doutros tantos proxectos vinculados coa implantación das TIC nas empresas. A orde publícase este martes no DOG.

As devanditas axudas pódense consultar tamén na páxina web da Consellaría de Innovación e suman un investimento total de 5 millóns de euros, convocado polo departamento de Fernando Blanco para investimentos das empresas en materia de sociedade da información. Esta cantidade supera nun 66,6% o orzamento destinado ao desenvolvemento das TIC na industria o pasado exercicio e nesta ocasión as axudas chegan a cubrir o 70% dos investimentos dos proxectos, fronte ao 50% do ano anterior.

A maioría dos proxectos subvencionados (181) encádranse na implantación de aplicacións informáticas baseadas en código aberto e na adquisición de aplicacións de carácter produtivo, para os que se destina tamén a maior parte do crédito (2,65 millóns de euros). Outra das liñas de actuación con grande aceptación foron as axudas destinadas á mellora da infraestrutura interna, é dicir, a adopción e utilización máis eficiente por parte das empresas de melloras substanciais nos seus sistemas de información, como pode ser a implantación ou mellora da rede de datos internos dos negocios, liña na que se subvencionarán 89 proxectos cun orzamento global de 1 millón de euros.

Preto doutro millón de euros destínase a 38 proxectos de empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e das telecomunicacións, coa finalidade de xeraren novos produtos e servizos mediante o desenvolvemento de aplicacións informáticas baseadas en código aberto. Por último, 150.000 euros dentro desta convocatoria subvencionarán a formación técnica e promoción do sector TIC facilitando a presenza dos profesionais en foros especializados de comercialización, formación tecnolóxica e estandarización, así como a asistencia a cursos de formación específica e especializada nos medios de produción necesarios para o desenvolvemento da súa actividade. Neste campo subvenciónanse 23 proxectos.

0 comentarios: