Todo listo para a PartyFoz 2008



Os días 15, 16 e 17 de agosto a vila luguesa de Foz acollerá este evento no que, alén do tempo para aprender e intercambiar saberes, programas e descargas, haberá tamén un momento para a diversión.

Os días 15, 16 e 17 de agosto desenvolverase na vila luguesa de Foz a cuarta edición da PartyFoz, un evento que, organizado polo Concello e o Grupo Asociado de Libre Información e Tecnoloxía (Galite) ofrecerá a preto dun cento de asistentes a oportunidade de intercambiar experiencias sobre o emprego do software libre. Ademais, haberá varias palestras sobre o significado dos dereitos de autor e a diferenza entre os copyright e os copyleft.

Nesta edición de 2008, alén do tempo que se vai dedicar a aprender ou a intercambiar saberes, haberá tamén un chisco para a diversión, xa que se han realizar varios campionatos de consolas e PC, con xogos coñecidos por todos, como os xa míticos Need for Speed Most Wanted, Counter-Strike, Pro Evolution Soccer ou Dragon Ball.

Os interesados en participar poden facer xa a súa inscrición a través das webs de Galite ou a propia da PartyFoz 2008.

0 comentarios: