Un de cada cinco cidadáns do Estado xa fai uso da e-administración


O informe 'As TIC na Administración Local do futuro', presentado por Telefónica, analiza a implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos concellos do Estado. A Lei de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos obriga ás Administracións Públicas a que os servizos electrónicos sexan accesíbeis para todos os cidadáns a partir do 1 de xaneiro de 2010.

O informe, que analiza polo miúdo o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), pon de manifesto un desenvolvemento desigual da Administración Electrónica no Estado. Así, mentres algúns servizos teñen enorme éxito e até recoñecemento internacional, como é o caso da Axencia Tributaria, a Seguridade Social, o catastro ou o DNI electrónico, hai outras parcelas nas que hai que facer un maior esforzo, concretamente na Administración local. Ademais, o nivel de desenvolvemento das TIC neste ámbito presenta tamén importantes diferenzas, derivadas do tamaño dos concellos.

Un 85% dos municipios do Estado ten menos de 5.000 habitantes e son entidades que dispoñen de recursos limitados para abordar a implantación das TIC. Nese sentido, o informe inclúe un mapa de boas prácticas para aplicar as TIC á xestión local que reducirían o problema da fragmentación.

Tamén se atopa por debaixo da media das Administracións a taxa de computadores por cada cen empregados, con 57 equipos. Aínda así, o 82,45% dos terminais da Administración local están conectados a internet.

A porcentaxe de cidadáns con máis de 15 anos que contactan coa Administración a través de Internet está aumentando de forma moi significativa trimestre a trimestre. Así, no terceiro trimestre de 2007 xa era do 19,3%, fronte ao 16,9% do primeiro do 2006. Lideran a e-administración os servizos de petición de documentos e pago de impostos, ambos os dous por riba do 30%.

0 comentarios: