Arranca a modalidade presencial de Edutec perante a presenza de investigadores de toda Iberoamérica


A Universidade de Santiago (USC) acolle a partir de hoxe e até este venres 5 o desenvolvemento da face presencial do Congreso Edutec, un encontro encamiñado a favorecer o intercambio de coñecemento arredor de diferentes procesos de innovación na ensinanza. A xuntanza, que se centra en boa medida no que poden facer as novas tecnoloxías da información para a mellora educativa (mellora na transmisión dos datos, achega de diferentes linguaxes para completalos, meirandes facilidades para afrontar o proceso formativo), dá comezo ás 9.30 no Colexio de Fonseca para logo enfiar cara a un dos seus puntos álxidos coa inauguración oficial no salón nobre do dito recinto, ás 11.00 horas.

O congreso, coordinado polas profesoras da USC Beatriz Cebreiro e Carme Morante, comezou o pasado día 1 na súa modalidade virtual, cunha serie de debates organizados a través de sesións en liña. Amais do acto de apertura de hoxe (no que participarán, entre outros, a consellería de Educación, Laura Sánchez, o reitor da USC, Senén Barro, e o director xeral de I+D, Salustiano Mato), o programa da xornada vén completo abondo.

Así, está previsto que inclúa un relatorio de Alejandro Piscetelli (sobre as 12.00 horas en Fonseca), obradoiros sobre recursos TIC para o eido educativo (a partir das 16.00 na Facultade de Ciencias da Educación), mesas de debate sobre métodos de aprendizaxe a distancia (sobre as 17.30) e unha nova charla de Juan Carlos Tedesco, ministro de Educación de Arxentina (a partir das 18.30 horas).

Xoves e venres
A sesión do xoves centrarase no uso de software social no contexto educativo, a formación en liña para hospitais e o pasado e futuro dos obxectos de aprendizaxe. Tamén se farán mesas redondas e talleres destinados a tratar o deseño de contidos didácticos ou a mellora dos espazos de formación na rede, entre outros aspectos.
Xa o venres 5, Edutec acollerá a presentación da Rede Iberoamericana de Museos Pedagóxicos Interactivos e do libro As TIC para a igualdade. Tratarase o e-learning en Europa ou as novas tecnoloxías para crear pontes entre culturas. O acto de clausura será, ás 17:30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía.

0 comentarios: