Castrelo de Miño inaugura rede sen fíos e Centro de Dinamización

O concello de Castrelo de Miño xa conta con rede sen fíos municipal, que dará acceso á internet a máis de 150 veciños. A infraestrutura supuxo un investimento de preto de 160.000 euros por parte da Consellaría de Innovación, que pretende que o rural dispoña das mesmas oportunidades de desenvolvemento.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurou tamén este luns no concello ourensán o Centro de Dinamización dá Sociedade da Información, que conta con equipamento informático e cos dispositivos para a cobertura de telecomunicacións. En total instalaranse catro postes emisores que enviarán o sinal aos núcleos rurais de seis das sete parroquias do municipio mediante unha rede Wimax.

Segundo o alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez, a posibilidade de contar cunha rede de banda larga será un factor que "dinamizará a economía" no concello, especialmente nas 32 adegas que alí se asentan, ademais de favorecer a fixación de poboación no rural.

Pola súa parte, Fernando Blanco destacou a importancia desta iniciativa e asegurou que a implantación da banda larga e da Sociedade da Información no medio rural é "primordial se se quere facer un aposta firme polo medio rural". No acto inaugural tamén estivo presente a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.

O alcalde e mais o conselleiro resaltaron a resposta da cidadanía á iniciativa, pois xa se superaron as 150 solicitudes. Ademais, en virtude deste convenio, gozarán de 20.000 euros para a adquisición de equipos informáticos, ademais de dispoñer dunha aula de dinamización que contribuirá a mellorar os coñecementos informáticos de quen o desexe.

Na aula desenvolverá o seu traballo unha dinamizadora da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que lles ofrecerá formación a aqueles colectivos con maior dificultade no uso das TICs. Compoñen o equipamento da aula once computadoras, unha impresora a cor, un proxector con pantalla e unha cámara de fotos dixital.

0 comentarios: