O 16 de outubro, nova quedada de bitacoreiros de toda España na Politécnica de Madrid

Os blogs, malia non ser xa unha novidade, seguen a dar que falar e a coller cada vez máis corpo como o pretexto perfecto para comunicármonos. E tanto que é así, tendo en conta o elocuente título da xuntanza prevista para o vindeiro 16 outubro na Universidade Politécnica de Madrid: Blogs. La Conversación. O encontro, que xa vai pola terceira edición, xirará este ano arredor dunha serie de eixes de moi diversa índole todos eles vinculados dalgún xeito ao eido blogger: o impacto dos cadernos persoais en liña entre nenos, maiores e inmigrantes, as redes sociais e a máis a pegada da Internet de nova xeración no sector da banca española.

Amais, o obxectivo dos organizadores da xuntanza vén a ser o mesmo que o dunha boa parte dos autores alí reunidos no seu día a día blogueiro, sendo desta volta unha arela colectiva: facer que a meirande cantidade de xente participe, ben sexa informándose, interactuando ou simplemente divertíndose.

O programa inclúe, ademais dos relatorios e as mesas redondas de rigor, a feitura propia dunha quedada entre bitacoreiros de toda España. A inscrición é de balde e fica aberta a todo o mundo, se teña ou non se teña un caderno persoal na Web. Por certo que o evento xa está presente en redes sociais: en Twitter, en Facebook, e en Xing.

0 comentarios: