Preséntase en Sada un novo centro da Rede de Dinamización

Sada xa dispón dun novo centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, foi o encargado de presentalo este xoves, acompañado da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, e do alcalde da vila de Sada, Abel López Soto.

A nova aula que se vai abrir ao público está totalmente equipada para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poda achegar á poboación ás Novas Tecnoloxías. A aula está equipada con dez ordenadores de mesa máis un portatil, equipados con software libre en galego cunha estrutura de rede sen fíos wi-fi, once cámaras web, unha impresora en branco e negro e outra a cor, un escáner, un proxector e mais unha cámara de fotos dixital.

A Rede de Dinamización leva dende xaneiro de 2007 levando a cabo en Sada actividades que inclúen obradoiros, charlas e cursos de formación específica que se adaptan ás necesidades dos colectivos sociais do concello para achegalos ás novas tecnoloxías, especialmente os máis desfavorecidos.

Así, organizáronse 68 obradoiros nos que participaron 484 persoas, das cales un 70% foron mulleres. Hai que destacar que a franxa de idade maioritaria foi a de persoas de entre 55 e 64 anos. Os obradoiros máis demandados foron os referidos á iniciación á Internet, á informática e á creación e manexo dunha conta de correo electrónico. A Rede obtivo en Sada un total de 255 persoas rexistradas, das que 157 foron mulleres, segundo informa a propia Rede de Dinamización.

0 comentarios: