A Rede de Comercio Rural Galego recibe 17 novas incorporacións


A Rede de Comercio Rural Galego vén de incrementar a súa participación, co que deixa formalmente de ser un proxecto piloto para converterse en realidade con fondas raizames. En concreto, aos seus catro primeiros integrantes (Casa Varela no concello de Touro, Casa Xustáns en Pontecaldelas, Casa Rosa en Maceda e Casa Balsa en Ourol) cómpre sumar xa 17 novas tendas multiservizo procedentes das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, segundo vén de anunciar a Dirección Xeral de Comercio, que investirá na apertura destes establecementos até un total de 1.488.051,86 euros. As tendas acabadas de incorporar, que ficarán deste xeito activas as 24 horas do día na Rede, teñen o seu emprazamento físico en núcleos de poboación que non superan os 5.000 habitantes.

A súa integración na dita iniciativa, tal e como se recolle nas bases da mesma (posta en marcha hai un ano e medio pola Dirección Xeral), responde a un obxectivo ben concreto: axudar na medida do posible a que o rural galego teña as canles de promoción e dinamización precisas para dar a coñecer o seu amplo potencial.

Das novas tendas, informa Comercio, oito están na provincia da Coruña (A Ponte Arcediago-Santiso, Visantoña-Mesía, Calo-Teo, Artes-Ribeira, Ponte Carreira-Frades, A Castañeda-Arzúa, A Picota-Mazaricos, Treos-Vimianzo); catro en Lugo (Salcedo-Pobra de Brollón, Bretoña e Campo da Rosa-A Pastoriza e Doncos-As Nogais); e cinco en Pontevedra (Bora-Vilares, Covelo-A Cañiza, Soutelo de Montes-Forcarei, Barro e A Lagoa-Campo Lameiro). Por certo que o feito de figurar na dita Rede posibilítalles a estes negocios a obtención do selo Comercio Rural Galego, certificación que avala a calidade dos seus produtos e servizos, tendo en conta a exhaustiva auditoría sobre fiabilidade e calidade que superaron estas empresas para acceder ao proxecto.

Desde finais do pasado mes de marzo, toda a información relativa á Rede de comercio rural galego está dispoñible na web www.comercioruralgalego.eu ou a través do portal da Dirección Xeral de Comercio www.conselleriaiei.org/ga/dxcc/index.php.

0 comentarios: